Sunday 07 de July de 2024

A Choqueirada de Verán festexarase na Pobra con disfraces e música


A Pobra do Caramiñal volverá sacar ás rúas os disfraces no 29 de xuño coa Choqueirada de Verán, organizada conxuntamente polas concellarías da Cultura e da Mocidade.

Pero os singulares atavíos non serán os únicos protagonistas da xornada, xa que a música tamén é un dos elementos centrais. O ambiente festivo comezará a sentirse polo núcleo urbano coa charanga Castrexos, na sesión vermú, para, xa pola tarde, dárlle-lo paso a dous concertos: Leite Con Jalletas, na praza de Maura, ás 19.00 horas, e The Cuncas, nos Xardíns de Valle-Inclán, ás 20.30 horas. E tocará desfrutar da noite da man de Discomóvil Chocolate, na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas.

“Decidimos retomar unha festa que se celebrou na Pobra anos atrás para desfrutar do verán doutra maneira. Queremos potencia-la creatividade da veciñanza a través do formato de deseño e configuración dos disfraces; queremos que as familias e as amizades se disfracen en grupo segundo unha temática da súa libre elección. Así, meses despois do desfile do Entroido, o ambiente vistoso volverá enche-las rúas da Pobra”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Con esta celebración de arranque do verán tamén se lle ofrecen opcións de ocio no municipio á xente nova, segundo recoñece o edil da Mocidade, Eloy Sobrido. “É unha festa para tódalas idades, pero tamén buscamos que a xuventude teña alternativas de lecer diferentes das que pode atopar nos concellos da contorna.”

Deja un comentario